Resolución para empresas
Resolución pola que se determinan as condicións de adhesión dos establecementos
receptores das tarxetas bono para a reactivación económica local
Máis alá do impacto na saúde e na vida das persoas, unha das consecuencias máis directas da emerxencia sanitaria internacional sufrida nos últimos meses é, sen dúbida, a desaceleración da economía, a paralización case total da actividade empresarial e, como consecuencia, o aumento do desemprego.
Ademais das medidas que poidan adoptar outras Administracións para intentar paliar os efectos económicos desta pandemia, e tendo en conta o papel do Concello como administración máis próxima ao tecido empresarial e aquela que pode detectar con maior precisión as necesidades das empresas do seu entorno, a Concellaría de Promoción Económica e Turismo, despois de escoitar as demandas dos distintos sectores e valorar posibles medidas de apoio, considera que a fórmula que mellor pode incidir na reactivación da economía local e a que maior efecto multiplicador pode ter é a posta en circulación de tarxetas bono para consumo en empresas locais.
Con esta finalidade o Concello de Carballo aprobou na Xunta de Goberno Local celebrada o día 17 de agosto de 2020 as Bases reguladoras do concurso público para a concesión de axudas para o fomento da reactivación económica local. Para a instrumentalización destas axudas, na mesma Xunta de Goberno, aprobouse o convenio de colaboración coa entidade Abanca Corporación Bancaria S.A. para a xestión destas axudas.
As axudas para o fomento da reactivación económica local entregaranse aos beneficiarios que voluntariamente a soliciten a través dunha tarxeta prepagamento que se cargará dunha soa vez cun total de 30 €, tendo unha vixencia comprendida entre a data de entrega da tarxeta pola entidade bancaria colaboradora aos beneficiarios do programa e o 30 de novembro, data límite para a súa utilización.
En consecuencia, procede agora a selección dos establecementos que desexen participar no programa como posibles destinatarios das compras ou demanda de servizos por parte das persoas beneficiarias, dado que esta tarxeta só poderá ser utilizada nos establecementos adheridos.
De acordo co sinalado,
RESOLVO:
Primeiro.- Aprobar as condicións para a adhesión dos establecementos interesados en participar na campaña de tarxetas bono para reactivación económica local do Concello de Carballo, que se transcriben a continuación:
“Condicións de adhesión e participación de establecementos no programa de reactivación da economía local no Concello de Carballo”
Primeiro.- Obxecto
O obxecto desta Resolución é establecer o procedemento e as condicións que deben reunir os establecementos para participar no programa de reactivación da economía local no Concello de Carballo a través das tarxetas bono Sempre Carballo.
Segundo.- Requisitos dos establecementos participantes
Poderán solicitar a súa adhesión as persoas físicas ou xurídicas que teñan o seu domicilio fiscal ou que desenvolvan a súa actividade económica no termo municipal de Carballo e que cumpran os seguintes requisitos:
- Que que a súa actividade se vira afectada polo peche de establecementos disposto no RD 465/2020 do 17 de marzo que modifica o artigo 10 do RD 463/2020 do 14 de marzo.
- Que dispoñan de Terminal Punto de Venta (TPV) con número de comercio que os identifique no servizo de pagamentos, para a execución das correspondentes operacións de pagamento efectuadas coas ditas tarxetas.
Terceiro.- Duración do programa
As transaccións económicas coa tarxeta bono “Sempre Carballo” poderanse realizar entre o 15 de setembro e o 30 de novembro.
Cuarto.- Relacións coas persoas beneficiarias do programa
As persoas beneficiarias poderán utilizar o saldo da súa tarxeta de forma total ou parcial, así como completar os pagamentos, de non ter saldo suficiente, con outras formas de pagamento admitidas polo establecemento.
No caso de devolucións de produtos que se tiveran adquirido coa tarxeta, o establecemento non poderá, en ningún caso, ofrecer diñeiro en efectivo. Poderase cambiar por outra compra ou gasto de prezo igual ou superior, asumindo nese caso a persoa usuaria a diferencia.
Quinto.- Prazo e forma de presentación das solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes de adhesión dos establecementos estará aberto desde o día 1 ata o 10 de setembro de 2020, ámbolos dous incluídos.
As solicitudes presentaranse empregando o formulario que estará dispoñible na web www.semprecarballo.gal.
Sexto.- Obrigas dos solicitantes
- Os establecementos solicitantes obríganse ao cumprimento das seguintes condicións na prestación dos servizos ou produtos:
- Dispor dun terminal de punto de venda (TPV) para a realización da transacción de compra do ben ou servizo a través da tarxeta moedeiro “Sempre Carballo”.
- Para os efectos da validación da TPV, o establecemento adherido deberá facilitar o número/s de comercio de que dispoña á entidade bancaria colaboradora.
- Recepción e colocación dos materiais informativos da Campaña, nun lugar visible do establecemento. Dita documentación consistirá en:
o Bases da campaña.
o Cartel identificativo da mesma. - Dar a adecuada publicidade da campaña na súa web e redes sociais, se as tiveran, empregando en todo caso a imaxe oficial da mesma e o logo do Concello de Carballo en toda comunicación que realicen vinculada co proxecto.
- Velar polo cumprimento estrito das bases da campaña e comunicar ao Concello de Carballo calquera incidencia ou mal uso dos bonos que poidan observar nas súas instalacións.
- Non devolver, en ningún caso, o importe destes bonos por diñeiro en efectivo. En caso de devolucións, o importe do bono poderá ser trocado por outra compra ou gasto de prezo igual ou superior, asumindo nese caso a persoa usuaria a diferenza.
Sétimo.- Publicidade
A relación de establecementos adheridos figurará na web www.semprecarballo.gal xunto coa súa ubicación para que as persoas beneficiarias das tarxetas dispoñan en todo momento do listado de participantes.
Oitavo.- Información básica sobre protección de datos persoais
Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable polo Concello de Carballo, coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento.
A responsabilidade do tratamento dos datos é do Concello de Carballo, cuxo representante legal é o seu presidente, don Evencio Ferrero Rodríguez, con domicilio para os efectos de notificacións na Praza do Concello, s/n, 15100 Carballo (A Coruña), teléfono de contacto 981704100 e correo electrónico: evencio@carballo.gal.
O Delegado de Protección de Datos do CONCELLO DE CARBALLO é Servizos de Adaptación Continua en Protección de Datos RB, S.L. co que poderá contactar en lopd@carballo.gal
Co fin de dar a publicidade esixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente resolución a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón o Concello de Carballo.
As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica do Concello ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento
administrativo común.
O Concello de Carballo comunicará á entidade Abanca Corporación Bancaria S.A. os seguintes datos relativos aos establecementos adheridos: nome comercial, tipoloxía de negocio, localización e os números de comercio con que as TPV dos establecementos estean identificados no servicio de pagamentos.
Para estes efectos, as entidades adheridas, xa sexan persoas xurídicas ou negocios cuxo titular sexa un autónomo, autorizan expresamente ao Concello de Carballo para comunicar os datos á entidade Abanca Corporación Bancaria S.A.
A entidade Abanca Corporación Bancaria S.A. tratará os datos que reciba do Concello de Carballo coa finalidade de vincular as tarxetas bono “Sempre Carballo” emitidas aos establecementos e aos seus números de comercio con que as TPV estean identificados no servizo de pagamentos, para a execución das correspondentes operacións de pagamento efectuadas coas ditas tarxetas.
Noveno.- Resolución da adhesión
Serán causas de resolución da adhesión as seguintes:
- O incumprimento total ou parcial de calquera das cláusulas establecidas na presente resolución.
- O acordo unánime de todas as partes.
- A decisión xudicial declarativa da nulidade da adhesión.
Ademais das causas de resolución, a adhesión ao programa extinguirase polo cumprimento do seu prazo, o día 30 de novembro de 2020.»
Segundo- Ordear a súa publicación na páxina web www.carballo.gal e no taboleiro de anuncios do Concello de Carballo.
Alcalde
Evencio Ferrero Rodríguez
Secretario
José Villán Fuertes