Bases
Bases reguladoras do concurso público para a concesión de axudas para o fomento da reactivación económica local no Concello de Carballo
Primeira.- Obxecto da subvención:
Constitúe o obxecto destas bases a regulación das axudas que o Concello de Carballo lle outorgará, mediante concorrencia non competitiva, ás persoas maiores de 18 anos empadroadas en Carballo para promover a reactivación económica a través do consumo en empresas locais, polo procedemento previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
A concesión das subvencións ás que se refire esta convocatoria realizarase de forma continua, ata esgotar o orzamento previsto, segundo a orde de recepción das solicitudes e baixo os principios de publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non discriminación.
Segunda.- Beneficiarios/as
Poderán ser beneficiarios/as destas axudas as persoas maiores de 18 anos empadroadas en Carballo a data 31 de xullo de 2020.
Terceira.- Dispoñibilidade orzamentaria
Para o financiamento das subvencións obxecto desta convocatoria existe crédito adecuado e suficiente na aplicación orzamentaria 4300.48900 “Plan Promoción Económica”, ata un máximo de 700.000 euros.
Cuarta.- Contía
A subvención á que poderán acceder as persoas solicitantes será de 30 euros
Quinta.- Solicitudes, prazos, lugar de presentación e documentación
1. As solicitudes poderanse presentar desde o día 15 de setembro ata o 15 de novembro de 2020.
2. As solicitudes deberanse presentar telematicamente, a través do enderezo www.semprecarballo.gal e rexistrarse no rexistro electrónico do Concello de Carballo. O emprego de medios electrónicos para a formulación da solicitude terá carácter obrigatorio, ao abeiro do establecido no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administración públicas ao estar plenamente garantido o acceso e dispoñibilidade dos medios tecnolóxicos precisos conforme co establecido nos parágrafos seguintes, polo que non se admitirá a trámite ningunha solicitude que se formule por outros medios, sendo obrigatoria a presentación de solicitudes por vía telemática de conformidade co previsto nesta base.
3. Para a presentación da solicitude terá que utilizarse o formulario normalizado que se estableza. Todo o proceso deberá tramitarse a través da plataforma informática. A plataforma informática requirirá automaticamente a emenda das deficiencias de xeito tal que o proceso de presentación da solicitude non poderá completarse ata que esta deficiencia conste emendada.
4. Xunto co formulario de solicitude, o/a interesado/a, en atención ao previsto no artigo 28 da Lei 39/2015, do 1 de outubro de procedemento administrativo común das administracións públicas, deberán achegar:
a. Copia do DNI, ou documento identificativo, só no caso de non autorizar a consulta.
b. Copia do certificado de empadroamento do/a solicitante, só no caso de non autorizar a consulta.
c. Declaración responsable de non estar incurso/a nas prohibicións previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións, para obter a condición de beneficiario/a, substituíndo esta declaración á presentación de certificacións na acreditación do cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social por tratarse dun dos supostos previstos na letra e) do artigo 31.7 da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
En todo caso, se por razóns técnicas e/ou informáticas non puidese ser posible a comprobación dalgún dos requisitos da persoa solicitante, o Concello de Carballo poderá solicitarlle que achegue a documentación probatoria, que será dixitalizada para ser incorporada ao expediente electrónico da solicitude.
As solicitudes, unha vez completadas, serán rexistradas no rexistro xeral do Concello de Carballo por persoal da Área de Promoción Económica, se así se autoriza pola persoa solicitante.
En caso contrario, terán que ser rexistradas pola propia persoa solicitante a través dos medios electrónicos validamente recoñecidos no artigo 10 da Lei 39/2015, do 1 de outubro de procedemento administrativo común das administración públicas.
Os datos referidos ao nome, apelidos, número de teléfono móbil e enderezo seranlle comunicados, no momento da concesión da subvención, á entidade financeira colaboradora para que poida emitir a tarxeta electrónica coa contía da subvención, e tratalos, para emitir, estampar e gravar a tarxeta e cantos procesos e operacións poidan ser precisos para a activación e xestión.
5. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información, as persoas interesadas poderán dirixirse á Área de Promoción económica do Concello de Carballo, con cita previa, en horario de 9 a 14 horas, de luns a venres. Esta posibilidade estará dispoñible ata as 14:00 horas do último día hábil do prazo de solicitude.
Sexta.- Xestión de solicitudes e concesión de subvencións.
A área de Promoción Económica do Concello de Carballo xestionará as solicitudes presentadas, concedéndose automaticamente as subvencións conforme co previsto nestas bases.
A xestión electrónica das solicitudes realizarase, como máximo, cada semana e referirase a todas as solicitudes presentadas entre as 00.01 do venres anterior ao da valoración ata as 23:59 horas do xoves previo ao venres de valoración, salvo daquelas solicitudes nas que por algunha causa fose imposible comprobar os requisitos de forma automática e fose preciso requirir a persoa solicitante para presentar algunha documentación. O sistema determinará a cualificación como “conforme coa axuda” ou “excluída” en atención a que se cumpran os requisitos de acceso esixibles para ter dereito a ela ou non. Logo da comprobación conforme das características de acceso incluiranse na resolución semanal posterior á comprobación.
As solicitudes que sexan conformes integrarán unha lista ordenada, na que se incluirán todas as que foron obxecto de xestión conforme nesa semana, quedando automaticamente concedidas as subvencións correspondentes. Paralelamente, remitirase á entidade financeira colaboradora unha lista ordenada de solicitudes concedidas para que procedan a emitir e remitir as tarxetas electrónicas.
O listado non será obxecto de notificación individual, que será substituído pola súa publicación na sede electrónica do Concello de Carballo, ao abeiro do establecido na Lei de Procedemento administrativo, e no enderezo electrónico www.semprecarballo.gal
Sétima.- Réxime de protección dos datos achegados coa solicitude
1. O tratamento polo Concello de Carballo dos datos persoais achegados polos solicitantes fúndase no disposto nos apartados c) e e) do artigo 6 do Regulamento UE 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, de 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos datos persoais e á libre circulación destes datos, así como no artigo 6.2 da Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección dos datos de carácter persoal, ao ser a achega dos datos e informacións esixidas nas presentes bases necesaria para o cumprimento do disposto na lexislación xeral de subvencións, así como para a comprobación do cumprimento dos requisitos e valoración das solicitudes consonte ao indicado nas propias bases.
En consecuencia, a negativa a facilitar estes datos ao Concello de Carballo determinará a exclusión da persoa interesada do procedemento.
2. En cumprimento do establecido no artigo 13 do Regulamento UE 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, de 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos datos persoais e á libre circulación destes datos, infórmase aos interesados do seguinte:
a) A responsabilidade do tratamento dos datos é do Concello de Carballo, cuxo representante legal é o seu presidente, don Evencio Ferrero Rodríguez, con domicilio para os efectos de notificacións na Praza do Concello, s/n, 15100 Carballo (A Coruña), teléfono de contacto 981704100 e correo electrónico: evencio@carballo.gal.
b) O Delegado de Protección de Datos do CONCELLO DE CARBALLO é Servizos de Adaptación Continua en Protección de Datos RB, S.L. co que poderá contactar en lopd@carballo.gal
c) Os datos subministrados coa solicitude destínanse unicamente a garantir o cumprimento do establecido na lexislación xeral de subvencións, a comprobar que a persoa solicitante reúne os requisitos establecidos para poder ser beneficiaria/o, para a valoración da súa solicitude e para a emisión das correspondentes tarxetas Sempre Carballo. Ademais, e en cumprimento do establecido nos artigos 20 da Lei 38/2003 xeral de subvencións, 15 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia e 8.1.c) da Lei 19/2013, de 9 de decembro, de transparencia e bo goberno, a información relativa ás subvencións concedidas, alí prevista, será obxecto de publicación segundo se prevé na normativa de aplicación. Publicaranse igualmente na sede electrónica e na páxina web www.semprecarballo.gal
As publicacións referidas manteranse durante un prazo mínimo de catro anos dende a realización da publicación, podendo, a partir dese prazo, ser suprimida de xeito motivado a publicación de oficio polo Concello de Carballo ou ben a solicitude das persoas interesadas, dirixida ao responsable do tratamento. En todo caso, as solicitudes e o resto de documentación que conste no expediente atoparase a disposición doutras persoas interesadas no procedemento para os efectos da formulación de reclamacións ou interposición de recursos que legalmente procedan contra o acto de resolución, e baixo a condición de que os datos de identidade persoal dos interesados non se poidan facer públicos.
d) A base xurídica do tratamento dos datos achegados coa solicitude é a necesidade deses datos para o cumprimento das obrigas legais que impón a lexislación xeral de subvencións, en tanto que Administración pública concedinte (artigo 6.1.c) do Regulamento UE 2016/679) e, no caso dos datos para acreditación do cumprimento dos requisitos específicos da convocatoria e valoración de solicitudes, a necesidade deses datos para dar satisfacción á finalidade de interese público perseguida coa presente convocatoria (artigo 6.1.e) do Regulamento UE 2016/679).
e) Os datos subministrados ao Concello de Carballo serán tratados polo persoal autorizado para a tramitación da solicitude, suxeitos a deber de reserva salvo os referidos ao nome, apelidos, número de teléfono móbil e enderezo, que lle serán comunicados, no momento da concesión da subvención, á entidade financeira colaboradora para que poida emitir a tarxeta electrónica coa contía da subvención, e tratalos, para emitir, estampar e gravar a tarxeta e cantos procesos e operacións poidan ser precisos para a activación e xestión.
Estes datos poderán ser cedidos a terceiras persoas nos seguintes casos:
-
- Ao resto de solicitantes ou os seus representantes legais cando así o reclamen para a formulación de reclamacións ou interposición de recursos contra o acto de adxudicación.
- A membros da Corporación que o soliciten, aos xulgados e tribunais, para os efectos da resolución dos recursos xudiciais que poidan interpoñerse contra a decisión de adxudicación, así como ao Ministerio Fiscal, Valedor do Pobo, Defensor do Pobo, Tribunal de Contas e Consello de Contas, na medida en que sexa necesario para o exercicio das funcións destas autoridades públicas.
- Ás persoas que o soliciten ao abeiro do disposto na Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia e bo goberno, tras expediente contraditorio previo con audiencia do/a interesada/o titular dos datos e nos termos previstos na dita lei.
f) En ningún caso se transferirán os seus datos persoais a un terceiro país nin a unha organización internacional.
g) Os datos subministrados conservaranse nos arquivos do Concello de Carballo de forma indefinida, para os únicos efectos da súa conservación conforme ao disposto na lexislación sobre arquivos do sector público e na lexislación sobre patrimonio documental cultural.
h) As persoas interesadas poderán solicitar en todo momento da Alcaldía do Concello o acceso aos seus datos, así como á súa rectificación, de ser o caso. Poderá solicitarse a limitación do tratamento dos ditos datos, referida á súa publicación, unha vez transcorrido o prazo de catro anos previsto nas presentes bases. Poderá formularse igualmente a oposición ao tratamento dos datos, motivada pola situación particular do interesado, nos termos previstos no artigo 21 do Regulamento UE 2016/679.
i) Os dereitos sinalados neste apartado poderán exercerse mediante escrito dirixido á Alcaldía do Concello de Carballo. De conformidade co disposto no artigo 20.3 do Regulamento UE 2016/679, non será de aplicación o dereito á portabilidade dos datos subministrados ao Concello de Carballo neste procedemento.
j) En todo caso, as/os interesadas/os poderán formular as reclamacións que consideren oportunas en relación co tratamento dos seus datos persoais ante a Axencia Española de Protección de Datos.
k) A falla de subministración ao Concello de Carballo dos datos persoais requiridos, ao constituír un requisito legal para a selección dos/as beneficiarios, dará lugar á súa exclusión do procedemento.
l) En ningún caso se procederá á adopción de decisións automatizadas nin á elaboración de perfís persoais cos datos subministrados, que non serán obxecto de tratamentos diferentes aos expresamente previstos nesta cláusula.
Oitava.- Tarxeta Electrónica Sempre Carballo
As persoas que resulten beneficiarias da subvención e figuren na resolución semanal recibirán no enderezo sinalado na solicitude, a súa tarxeta electrónica, tarxeta bono “Sempre Carballo”.
O funcionamento da tarxeta Sempre Carballo é o que segue:
A persoa beneficiaria deberá activar a súa tarxeta seguindo as instrucións que se acompañarán xunto coa remisión da tarxeta ao seu domicilio, e só poderá usala nas empresas adheridas á campaña que figurarán na web www.semprecarballo.gal, estando excluído o seu uso en liña e directamente en caixeiros automáticos ou mesmo na entidade financeira.
O prazo durante o que estará activa a tarxeta para efectuar gasto será ata o 30 de novembro de 2020.
Novena.- Gastos subvencionables.
As subvencións terán como finalidade a realización de compras ou pagos que as persoas beneficiarias da subvención realicen nos establecementos adheridos á campaña “Sempre Carballo” sempre que cumpran os seguintes requisitos:
1. Que sexan realizados en data anterior ao 30 de novembro de 2020.
2. Que conste como executora do gasto a persoa beneficiaria da subvención.
Décima.- Xustificación da subvención e pago de subvencións.
En atención ao previsto no artigo 28.9 da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia, toda vez que a concesión da subvención está motivada pola concorrencia no solicitantebeneficiario/a da circunstancia acreditada de ser maior de 18 anos e empadroado en Carballo non se requirirá outra xustificación que a comprobación xa realizada da situación que motiva a concesión da subvención, isto sen prexuízo dos controis que se establezan para controlar a aplicación do gasto segundo o procedemento descrito.
Por solicitude da Intervención do Concello de Carballo poderán esixirse aqueles documentos ou xustificantes complementarios que, motivadamente, se consideren oportunos para unha fidedigna acreditación da realización do gasto. Igualmente, a Intervención do Concello de Carballo poderá realizar funcións de inspección e control financeiro de conformidade co establecido na Lei 9/2007.
Aquelas contías económicas non utilizadas unha vez finalizado o prazo máximo previsto nestas bases serán automaticamente reintegradas ao Concello de Carballo, sen que se poida derivar ningún dereito para aquela persoa beneficiaria que non fixese uso da totalidade do crédito inicialmente
concedido.
Décimo primeira.- Compatibilidade
A percepción desta axuda será compatible con calquera outra axuda concedida polo Estado, pola Comunidade Autónoma de Galicia ou por calquera outra administración.
Décimo segunda. – Normativa Supletoria
En todo o non disposto nestas bases seralle de aplicación á convocatoria e ás subvencións que se conceden ao seu abeiro, o disposto na Lei 38/2003 xeral de subvencións e a Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, os seus regulamentos de desenvolvemento no que sexa de aplicación á Administración local, así como a lexislación aplicable en materia de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo.